Asemblea Ordinaria 28 de setembro de 2021

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA ORDINARIA

 

Convócase os usuarios do servizo de comedor a unha ASEMBLEA ORDINARIA da ANPA “A Ferradura”, a celebrar na sala de vídeo o MARTES 28 DE SETEMBRO ás 16:00h. en primeira convocatoria e ás 16:30h. en segunda convocatoria.

Lembramos, co fin de non ocupar as instalacións do centro, que para que se celebrase en primeira convocatoria deberían estar presentes mais da metade d@s soci@s, polo que será moi probable o inicio ás 16:30h.

Rogamos confirmación previa da asistencia (en anpaferradura@gmail.com), debido ás limitacións de aforo polas actuais medidas sanitarias.

A orde do día será a seguinte:

 

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da Asemblea do 22 de outubro do 2020.

 

2.- Exame e aprobación, no seu caso, do Balance de Ingresos e Gastos do curso 2020-2021.

 

3.- Renovación da actual Xunta Directiva e inscrición de novos membros. Rógase comunicación previa ó correo da asociación (anpaferradura@gmail.com).

 

4.- Aprobación do custo da obra realizada no patio interior do centro, previa presentación de presupostos.

Presuposto Hnos Mallón

Presuposto Joscon

5.- Comunicación das xestións coas administracións, Equipo Covid, piscina da USC, Fundación Fedesa… para o inicio de curso, servizos e pavillón.

 

6.- Rogos e preguntas.

 

 

Santiago de Compostela, a 21 de setembro de 2021.

 

 

Basquet federado Rosalía-Fedesa

Bos días, familias.
Achegamos un cartel con información da Fundación Fedesa, en relación cos nenos que se queiran federar e competir en baloncesto.
Lembramos que é independiente da nosa actividade.
Os nenos non federados realizarán a actividade no noso horario (de 16:00 a 18:00).
Os nenos federados poden realizar a nosa actividade nese horario (de 16:00 a 18:00) e, a maiores, adestrar no horario de Fedesa (18:00 a 19:15), pero a xestión non será da Anpa. A matrícula, o contacto, os adestradores, os pagos… serán xestionados por Fedesa.
Se un neno federado non quere adestrar no noso horario, so ten que darse de baixa na nosa actividade e contactar con Fedesa.
Unha aperta.

MODIFICACIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES.

Bos días, familias.

En primeiro lugar, ánimo a todos co novo curso que hoxe comeza.

Lamentamos as molestias que os cambios de horario e actividades nos está xerando a todos/as, pero é a vía para poder impartir as actividades extraescolares neste curso 2021/2022, nun centro coma o noso.

Dadas as medidas sanitarias publicadas o 01/09/2021, o equipo COVID do colexio e a Anpa, establecen un plan  viable modificando horarios e aforos segundo protocolo vixente. Buscando limitar a mobilidade dentro do centro, a desinfección das aulas entre a 1ª e 2ª hora, localizar ós contactos dun posible positivo, evitar aglomeracións nos corredores en entradas e saídas…e tendo en conta a dispoñibilidade das aulas e dos monitores que imparten as clases.

Rutina:

– Comezarán a partir do venres 1 de outubro de 2021.

– A biblioteca so funcionara como préstamo de libros (non se poderá utilizar como lugar de espera nin para facer deberes)

– So pode permanecer no centro o alumnado que estea a realizar actividades.

– As entradas e saídas nas aulas e pavillón  dedicadas a realización de actividades, faranse de  forma escalada. -Inicio  escalado a partir das 15:45, de tal xeito que os primeiros en entrar ás 15:45 serán os primeiros en sair ás 17:45. Para evitar aglomeracións nas saídas pregamos PUNTUALIDADE.

Actividades:

-Concentraranse en 1 día as 2 horas da semana, agás aquelas que xa estaban organizadas en 1 día á semana. Ver cadro de horarios

-Os horarios de instrumento intentaremos adaptalos ós horarios de actividades de cada alumno. Os  que teñan solicitado esta actividade deben poñerse en contacto a través do teléfono 699973596.

-Nas actividades que teñan alumnado en lista de agarda e sempre que teñamos aulas dispoñibles, intentaremos facer  outro grupo.

-Para o alumnado que ten solicitado natación, seguiremos o mesmo procedemento de confirmación.

-O alumnado de Basket-Mini e Premini, que se inscribiu na opción FEDERADO, pode adestrar no pavillón do colexio no horario da nosa actividade, pero debe poñerse en contacto co Club Rosalia (Fedesa) para formalizar a súa ficha, para competir, e no caso que o desexe adestrar nos horarios establecidos polo club.

-Os horaios do pavillón do IES.Xelmirez neste momento están sen confirmar, agardamos que se poida realizar a actividade sen problema.

Inscricións:

 

– Prazo: Desde hoxe 09/09/2021 ata o 19/09/2021 ás 23:59.

– Manterase a orde das inscricións recibidas. Acudindo á orde da lista de agarda, en caso de baixas.

– Debe confirmar se mantén ou non a inscrición inicial nas actividades, do seguinte xeito:

     -Enviar un correo a anpaferradura@gmail.com.

     -Asunto: Confirmar actividades

     -Corpo: Nome do alumno e confirmación ou anulación da actividade.

Por exemplo, Xan Pérez Lema confirma asistencia a patinaxe os luns e rítmica os martes e anula pintura os mércores.

-Solicitamos que se faga deste xeito e á maior brevidade posible, xa que son centos de nenos en numerosas actividades e debemos completalas coa lista de agarda, publicar as listaxes definitivas e asocialas á súa facturación.

 

Horarios:

 

Novos horarios de actividades extraescolares

Novos horarios de natación

 

Un saúdo.

IMPORTANTE. Actividades extraescolares

Estimadas familias:

 Debido as restricións sanitarias publicadas o 01/09/2021, “Protocolo de adaptación ao contexto da COVID nos centros de ensino non universitario de galicia para o  curso 2021-2022”. Vémonos na obriga de modificar os horarios e aforos previstos para o desenrolo das actividades extraescolares.

As persoas que forman o equipo COVID do colexio e a ANPA, estamos traballando nun plan viable para poder empezar en outubro.

Na próxima semana enviaremos horarios e aforos,  mantendo o orde das inscricións de maio e facendo recorte de alumnado nas actividades que sexa preciso.

Sentimos as molestias e agradecemos o voso entendemento.   

Listas de admitidos 3 anos curso 2021-2022

Estimadas familias;

Pasamos a publicar as listas de alumnado de 4º de Educación Infantil  admitido nas actividades extraescolares e servizos organizados pola ANPA.

Tódalas listas están pendentes dos protocolos sanitarios vixentes no mes de setembro.

O alumnado que non figure nas listas de admitidos atopase en situación de agarda de praza.

Non se realizará a actividade de:

 Ballet 4º de Educación Infantil (venres 16:00h.) por non acadar o mínimo de alumnado inscrito.

Teatro Infantil ( venres 17:00h.)  pendente confirmar en setembro (non acada a inscrición mínima)

Lembrámoslle  que o alumnado de 4º de Educación Infantil, non empeza as actividades ata o mes de outubro, no caso do servizo de comedor e madrugadores so pode empezar unha vez rematado o programa de adaptación establecido polo colexio e sempre que o comunique con antelación o persoal encargado de comedor, caso contrario entendese que empeza no primeiro día que lle corresponda do mes de outubro.

Pode consultar as listas neste enlace: Listas de admitidos 3 anos utilizando o  contrasinal:  ferradura 21

As listas de admitidos nas actividades extraescolares de Educación Infantil e Primaria, están feitas en base o aforo das aulas e o orde de inscrición. Calquera erro que se produza intentaremos arranxalo  o antes posible.

LISTAS DE ADMITIDOS CURSO 2021-2022

 Alumnado de 5º de Educación Infantil a 6º de Educación Primaria

Pasamos a publicar as listas de admitidos en actividades extraescolares e servizo de comedor e madrugadores. Podedes acceder a elas a través da páxina web Admitidos 21-22 – ANPA CEIP PIO XII co contrasinal ferradura 21

As listaxes están feitas en base os criterios de aforo e horarios anteriores a pandemia, que se adaptarán en setembro segundo a normativa sanitaria que rexa nese momento.

O alumnado que non figura en esta  situación queda en espera de posibles modificacións.

As listas de admitidos para o alumnado de 4º de educación infantil, faranse publicas nos vindeiros dias.

Toda unha vida no Pío XII

Bos días, familias.
Quixera aproveitar esta canle para poñer un punto e seguido a este curso 2020-2021.
É de recibo agradecer as horas dedicadas ós meus compañeiros da directiva que nos deixan, porque os seus nenos se van do centro.
Encoméndovos a paladear «O» artigo de Carlos, que achegamos aquí.
Grazas, Mónica López. Grazas, Carlos Macía.
Noraboa @s monitor@s por recibir sempre @s cativ@s cun sorriso, a pesar das dificultades, da carga de traballo e do ríxido dos protocolos implantados.
Grazas, compañeir@s. Non agardaba menos.
A maior das felicitacións, estaremos tod@s dacordo, debe ser para @s nos@s nen@s. É curioso ver canto se pode aprender ollando como se adaptaron esas pequenas criaturas a este gran desafío.
Grazas a tod@s.
Como mostra, amosamos a pancarta feita por eles en madrugadores e portada polo «noso equipo».
Entre todos, conseguímolo. Bo verán!
Unha aperta.

Toda unha vida no Pío XII

 

Aínda lembro aquela mañá solleira de setembro, cando Mateo e Daniela entraban teimudos naquel recinto escolar que para eles era territorio descoñecido. Esmorecía o verán de 2012 e despois de tanta festa, praia e xogos…tocaba ir ao novo colexio. Iso provocaba neles certa inseguridade e sobre todo desconfianza ante o que se puideran atopar.

 

Como farían moitos pais, tentamos preparar aquel momento. Facerlles ver que xa eran máis maiores e que tocaba comezar unha nova etapa con outros nenos da súa idade. Naquel primeiro día esas explicacións foron palabras baleiras.

 

Daniela só miraba para os outros nenos tamén teimudos e chamáballe moito a atención por qué algúns nenos estaban chorando, aquelo non lle encaixaba. Ela, sen decatarse, xa superara ese medo escénico na escola infantil. Tempo gañado en todos os sentidos.

 

Mateo centrouse no colexio. Eu dixéralle que seguramente algún neno da súa escola infantil ía estar tamén na súa clase pero con tanto balbordo, Mateo só tiña ollos para a abraiante estrutura do noso colexio. Bonito, bonito…pois non era, e ademais para un neno de 3 anos, ver ese edificio inacabable, sobre unha leira que sempre tira cara arriba e parece non ter fin…”menos mal que eu xa veño andando e non hai que traer o carriño”, me dixo. Para eles o de ir enriba dun carriño xa era un atraso, e nesa primeira posta en escena significaría todo un problema, unha mostra de inseguridade evitable, unha cuestión superada onde, vendo a situación de nervios que se respiraba, ata lles daba certo status.

 

Daquel primeiro día van camiño de cumprirse nove anos. Estaría ben poder recuperar a secuencia daquel primeiro día e mesturala cun día desta semana de xuño do 2021, en plenos controis finais, cando xa perciben que están a piques de rematar unha etapa e que a palabra INSTITUTO colle peso nas conversas deste inicio de verán.

 

Nove anos que marcarán para sempre o seu carácter, o xeito de afrontar as excelencias e as dificultades que lles presente a vida. Empezaron no edificio de abaixo e foron escalando, dando chanzos no tempo, no corpo e ata no propio colexio, como se dunha carreira ciclista se tratase.

 

Ese maillot amarelo convertido en orla será a outra posta en escena. A escena do adeus, a dunha etapa que remata para dar comezo a outra.

 

E sí, desde agora levarán orgullosos o feito de ser nenos que estudaron no Pío XII, o colexio do campus, aquel das escaleiras interminables. Serán adultos e cando paseen cos seus fillos dirán fachendosos que eles tamén fixeron falcatruadas neste colexio.

 

En setembro, dentro de tres meses, cando entren por vez primeira como alumnos do Instituto Rosalía, volverán xurdir os medos daquel primeiro día de setembro de 2012. Volverán ser inocentes, teimudos, faranse pequenos ante ese tropel de xuventude hormonal que vai a toda mecha sen frear nin preguntar. Adentraranse nunha selva de experiencias, mitos e lendas sobre profesores e alumnos, en pleno acceso á adolescencia.

 

Aquí xa non hai carriños, tampouco meniños chorando, pero terán a vantaxe de reencontrarse con toda esa promoción de nenos e nenas que se fixeron a sí mesmos no CEIP Pío XII entre os anos 2012 e o 2021. Ese será o seu salvavidas, o seu selo de identidade tras vivir toda unha vida no Pío XII. E saberán que as persoas fortes crean os seus acontecementos; e as débiles sufrirán o que lles impoña o destino.   


Bolsas do concello para actividades extraescolares do curso 2021/2022

Bos días, familias.
Achegamos as Convocatoria e as Bases do curso 2021/2022

Para solicitar as bolsas do Concello para actividades extraescolares do vindeiro curso é necesario un xustificante de estar inscrito. 

Debedes solicitalo no correo santiago@actex.es e indicar:

Nome do alumno/a, colexio ó que pertence e si as actividades son de 2h/semana ou 1h/semana.

Para actividades de 2h/semana, a cota máxima é de 30€/alumno.

Para actividades de 1h/semana, a cota máxima é de 15€/alumno.

Un saúdo.

Inscrición de alumnos doutras idades interesados en Iudo e Fútbol

Bos días, familias.
Aqueles alumnos interesados na actividade de Fútbol ou Iudo, destinadas a unhas idades determinadas, poderán inscribirse fóra de prazo cunha nova solicitude e serán admitidos ou non, en función da capacidade da actividade e dos protocolos sanitarios que apliquen.
Por exemplo, se se quere inscribir un neno de 5ºEP en Fútbol (destinado a 3º-4ºEP).
Tentamos axudar a conciliar, se quedan prazas libres e a actividade o permite.
Un saúdo.

Fallo informático nas inscricións

 Debido a un problema  informático a primeira hora de hoxe, moitos de vos tivestes problema para facer a inscrición ou recibistes notificación de que estaba fora de prazo:
– Todas as inscricións recibidas a partir das 9:00h. do día 18 /5/2021 mantense como recibidas o marxe da resposta que teñades recibido.
– Todas as inscricións recibidas antes das 9:00h. do día 18/5/2021 non se admiten como entregadas ( neste caso debedes volver a enviar).
 Desculpas a todes polas molestias ocasionadas.
  Un saúdo