Prezadas amigas e amigos:
Poñémonos en contacto con vós para darvos a coñecer unha acción que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia estamos a poñer en marcha a través dun grupo de traballo específico e que cremos que pode ser de interese para o voso centro, polo que vos animamos á divulgación desta información.
En novembro de 2020 e dentro do escenario da pandemia COVID-19, desde o COPG formúlase a necesidade de visibilizar e de atender a conciencia do autocoidado, como elemento imprescindible para preservar a saúde emocional da comunidade. Como profesionais da saúde, somos conscientes da importancia que o autocoidado ten no benestar das persoas. Con esta iniciativa queremos contribuír a espertar esta conciencia de coidado e velar polo benestar común.
O desenvolvemento desta acción concretarase a través dun ESPAZO DE COIDADO na web do COPG, no enderezo autocoidado.copgalicia.gal;
Unha destas accións é o Espazo de Mindfulness e Compaixón, un programa que consta de oito sesións, de carácter gratuíto e aberto á poboación en xeral, que se celebrarán online os sábados entre o 20 de febreiro e o 17 de abril (agás o 3 de abril) ás 11:00 horas da mañá. Podes descargar o programa neste enlace, e para inscribirte só terás que remitirnos o formulario cuberto a copgalicia@copgalicia.gal.
Este espazo é un lugar seguro e aberto a toda a comunidade, un espazo VIVO que faremos medrar e coidaremos entre todos e todas coa intención de cultivar a semente do autocoidado dentro do noso COPG, tanto para nós como para o resto da comunidade da que formamos parte.
Irémosvos informando da evolución desta primeira fase de deseño e posta en marcha deste ESPAZO, e das accións que estamos sementando. Desexamos que esperte o voso interese e a motivación de compartir o seu crecemento.
Unha aperta.