Estimadas familias:
O venres 5 de xuño, ás 9.00 h, empeza o período de inscrición ás diferentes actividades e servizos ofertados pola ANPA. Dito período finalizará o 25 de xuño ao 23.00 h.
Debido a unhas actualizacións que nos teñen que realizar na app, durante este período non se abrirán as inscricións para comedor e ludoteca. Estas abriranse en xullo (avisarase de cando empeze dito período). Lembrade, para tranquilidade das familias, que tanto no servizo de comedor como na actividade extraescolar de ludoteca non hai límite de prazas; todas as familias que o soliciten terán a praza asegurada.
Por tanto, o venres ábrese o prazo para todas as actividades e servizos, exceptuando comedor e ludoteca, como xa comentamos.
É moi importante que cubrades correctamente os datos na app Ábaco Familias, sobre todo o nome e o curso que realizarán @s nen@s o próximo curso (2026/27), para evitar erros nas inscricións.
Antes de inscribirvos, tede claros os horarios e os cursos aos que van dirixidas as diferentes actividades. A app é moi intuitiva e, se tedes correctamente indicado o curso d@s vos@s fill@s, non vos permitirá anotarvos en actividades que non lles correspondan. Acordádevos tamén de ler as normas de funcionamento que se vos enviaron o outro día xunto cos horarios e que tedes á vosa disposición na web da ANPA, no apartado de documentos e impresos, xa que son normas de obrigado cumprimento.
Na app, as actividades están no apartado «Actividades», pero dentro deste estarán separadas entre actividades extraescolares (por exemplo, baile moderno, baloncesto ou inglés) e servizos (por exemplo, madrugadores e servizo de muda).
Dentro das actividades, tedes que buscar o grupo que se corresponda co curso d@s vos@s fill@s, xa que algunhas delas están divididas por grupos de idade. Por exemplo, en inglés hai un grupo para 4.º de Infantil, outro para 5.º e 6.º de Infantil e diversos grupos para os cursos de Primaria. Ao entrar en cada actividade, xa vén especificado para que cursos está dirixida, alén dunha breve explicación sobre en que consiste e quen a realiza.
Aínda que xa se reflicte nas normas de funcionamento do próximo curso, queremos lembrarvos que, cando termine o curso actual (19 de xuño), todas as comunicacións coa ANPA realizaranse a través da app Ábaco Familias. Tanto os avisos e comunicacións como as consultas que nos queirades realizar deberán facerse sempre por ese medio. Non se poderá utilizar nin WhatsApp nin o correo electrónico. Todo iso permitiranos levar un mellor control e evitar a perda de información. Ademais, co correo electrónico tiñamos queixas de moitas familias porque non recibían a información.
É importante activar as notificacións na app para saber cando vos chega algún aviso, xa que será o medio que utilizará a ANPA para comunicarse convosco. A web seguirá manténdose como portal informativo, pero toda a xestión do día a día da ANPA coas familias realizarase a través da app.
Saúdos