NOTICIAS NOTICIAS NOTICIAS

Toda unha vida no Pío XII

Bos días, familias.
Quixera aproveitar esta canle para poñer un punto e seguido a este curso 2020-2021.
É de recibo agradecer as horas dedicadas ós meus compañeiros da directiva que nos deixan, porque os seus nenos se van do centro.
Encoméndovos a paladear «O» artigo de Carlos, que achegamos aquí.
Grazas, Mónica López. Grazas, Carlos Macía.
Noraboa @s monitor@s por recibir sempre @s cativ@s cun sorriso, a pesar das dificultades, da carga de traballo e do ríxido dos protocolos implantados.
Grazas, compañeir@s. Non agardaba menos.
A maior das felicitacións, estaremos tod@s dacordo, debe ser para @s nos@s nen@s. É curioso ver canto se pode aprender ollando como se adaptaron esas pequenas criaturas a este gran desafío.
Grazas a tod@s.
Como mostra, amosamos a pancarta feita por eles en madrugadores e portada polo «noso equipo».
Entre todos, conseguímolo. Bo verán!
Unha aperta.

Toda unha vida no Pío XII

 

Aínda lembro aquela mañá solleira de setembro, cando Mateo e Daniela entraban teimudos naquel recinto escolar que para eles era territorio descoñecido. Esmorecía o verán de 2012 e despois de tanta festa, praia e xogos…tocaba ir ao novo colexio. Iso provocaba neles certa inseguridade e sobre todo desconfianza ante o que se puideran atopar.

 

Como farían moitos pais, tentamos preparar aquel momento. Facerlles ver que xa eran máis maiores e que tocaba comezar unha nova etapa con outros nenos da súa idade. Naquel primeiro día esas explicacións foron palabras baleiras.

 

Daniela só miraba para os outros nenos tamén teimudos e chamáballe moito a atención por qué algúns nenos estaban chorando, aquelo non lle encaixaba. Ela, sen decatarse, xa superara ese medo escénico na escola infantil. Tempo gañado en todos os sentidos.

 

Mateo centrouse no colexio. Eu dixéralle que seguramente algún neno da súa escola infantil ía estar tamén na súa clase pero con tanto balbordo, Mateo só tiña ollos para a abraiante estrutura do noso colexio. Bonito, bonito…pois non era, e ademais para un neno de 3 anos, ver ese edificio inacabable, sobre unha leira que sempre tira cara arriba e parece non ter fin…”menos mal que eu xa veño andando e non hai que traer o carriño”, me dixo. Para eles o de ir enriba dun carriño xa era un atraso, e nesa primeira posta en escena significaría todo un problema, unha mostra de inseguridade evitable, unha cuestión superada onde, vendo a situación de nervios que se respiraba, ata lles daba certo status.

 

Daquel primeiro día van camiño de cumprirse nove anos. Estaría ben poder recuperar a secuencia daquel primeiro día e mesturala cun día desta semana de xuño do 2021, en plenos controis finais, cando xa perciben que están a piques de rematar unha etapa e que a palabra INSTITUTO colle peso nas conversas deste inicio de verán.

 

Nove anos que marcarán para sempre o seu carácter, o xeito de afrontar as excelencias e as dificultades que lles presente a vida. Empezaron no edificio de abaixo e foron escalando, dando chanzos no tempo, no corpo e ata no propio colexio, como se dunha carreira ciclista se tratase.

 

Ese maillot amarelo convertido en orla será a outra posta en escena. A escena do adeus, a dunha etapa que remata para dar comezo a outra.

 

E sí, desde agora levarán orgullosos o feito de ser nenos que estudaron no Pío XII, o colexio do campus, aquel das escaleiras interminables. Serán adultos e cando paseen cos seus fillos dirán fachendosos que eles tamén fixeron falcatruadas neste colexio.

 

En setembro, dentro de tres meses, cando entren por vez primeira como alumnos do Instituto Rosalía, volverán xurdir os medos daquel primeiro día de setembro de 2012. Volverán ser inocentes, teimudos, faranse pequenos ante ese tropel de xuventude hormonal que vai a toda mecha sen frear nin preguntar. Adentraranse nunha selva de experiencias, mitos e lendas sobre profesores e alumnos, en pleno acceso á adolescencia.

 

Aquí xa non hai carriños, tampouco meniños chorando, pero terán a vantaxe de reencontrarse con toda esa promoción de nenos e nenas que se fixeron a sí mesmos no CEIP Pío XII entre os anos 2012 e o 2021. Ese será o seu salvavidas, o seu selo de identidade tras vivir toda unha vida no Pío XII. E saberán que as persoas fortes crean os seus acontecementos; e as débiles sufrirán o que lles impoña o destino.   


ANPA A Ferradura CEIP Pío XII

Rúa da Poza de Bar, s/n, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña

Política de Protección de datos | Política de Cookies

© ANPA A FERRADURA 2019 | DISEÑO WEB: TerritorioWeb